TURISMO DE GALICIA E BALNEARIOS DE GALICIA ASINAN UN CONVENIO PARA A PROMOCIÓN DO TURISMO SENIOR
TURISMO DE GALICIA E A ASOCIACIÓN GALEGA DA PROPIEDADE BALNEARIA ASINAN UN CONVENIO PARA A PROMOCIÓN DO TURISMO SENIOR
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Antonio Garaloces rubricaron hoxe o acordo no Hotel Balneario Baños da Brea de Vila de Cruces. No acto estivo presente tamén o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela
En virtude do convenio colaborarán na organización dun famtrip para representantes de asociacións españolas de persoas maiores, así como na organización dunha xornada sobre turismo e envellecemento activo
Vila de Cruces, 7 de agosto de 2013.- A directora de Turismo de Galicia, e mais o presidente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Antonio Garaloces, asinaron hoxe no Balneario Baños da Brea un acordo de colaboración que ten como finalidade a promoción do turismo senior en Galicia. Na firma do convenio estivo presente tamén o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela.
Este acto de sinatura enmárcase na estratexia de Turismo de Galicia de traballar a prol do desenvolvemento do turismo sostible e de calidade en Galicia e de dar a coñecer a oferta galega con diversas estratexias de promoción entre as que se encadran accións de colaboración coas principais asociacións do sector.
BALNEGAL – a Asociación Galega da Propiedade Balnearia- constituída no ano 1985, ten por obxectivo xestionar e promocionar o termalismo galego. En virtude do convenio que hoxe se asinou establécese unha colaboración no desenvolvemento dunha viaxe de familiarización dirixido a representantes das principais asociacións españolas de persoas maiores así como na organización da xornada Turismo e envellecemento activo.
Concretamente o fam-trip consistirá nun roteiro por unha selección de balnearios de Galicia, escollidos atendendo ás características principais do grupo. Esta acción promocional ten como propósito amosar aos representantes das asociacións de persoas maiores a riqueza da oferta termal galega, xa que estes representantes son considerados uns dos principais prescriptores para este segmento de mercado.
O famtrip coincidirá nas datas coa xornada Turismo e envellecemento activo, a cal ademais de participar estes prescriptores, acudirán representantes do IMSERSO para que expoñan a súa visión dende a experiencia adquirida na xestión do seu programa de termalismo social.
Turismo senior
O turismo senior é un nicho de mercado que está a acadar gran relevancia. Un número notable de persoas maiores viaxan pola súa conta, cos paquetes especiais para maiores de 65 anos e as axencias maioristas deseñan para este público. Este segmento ofrece unha serie de beneficios para o sector onde predomina como factor primordial a desestacionalización.
Galicia posúe unha infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios. Un total de 21 balnearios que ofertan 2.862 prazas de aloxamento sitúan a Galicia á cabeza de España ao constituír o 20% da oferta termal de todo o Estado. Os establecementos balnearios aportan ademais clientes a outras 10 mil prazas hoteleiras situadas na contorna dos establecementos termais galegos. O volume de negocio dos establecementos balnearios de Galicia está en torno aos 60 millóns de euros e estas instalacións xeran 1.400 empregos directos.